Thursday 02 de May de 2024

Un curso mostrará en Moeche todas as posibilidades de aproveitamento das plantacións de piñeiro


Moeche acollerá no mes de novembro un curso sobre a xestión de piñeirais desde unha óptica integral, xa que nel se falará da produción madeireira pero tamén doutros aproveitamentos, como por exemplo a resina, os cogomelos ou a crianza de gando en réxime de silvopastoreo. Esta acción está incluída dentro do Plan formativo no eido agroforestal 2021 da Consellaría do Medio Rural, cofinanciado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o FEADER. Terá lugar no salón do Centro Cultural Francisco Piñeiro, en Abade, durante 9 xornadas (40 horas en total). O prazo de inscrición remata o 7 de novembro.

As plantacións de piñeiros acostuman a ter un único obxectivo, o aproveitamento madeireiro. Porén, nos últimos anos fixéronse evidentes outras posibilidades económicas complementando estes rendementos con outros que, ademais, son sostidos no tempo e non dependen das quendas de corta, que sobrepasan amplamente os 20 ou 25 anos, dependendo das especies, do terreo e do clima.

Neste sentido, dentro dunha xestión forestal sostible e activa, os piñeirais poden producir resina natural -moi demandada pola industria química e en drogaría- e son o lugar onde eclosionan no outono -ao remate da campaña resineira- determinadas variedades de cogomelos, entre eles especies de boletus e os cobizados lactarius deliciosus -níscalos-, con prezos elevados no mercado en fresco, desecados ou en conserva.

Os anteriores aproveitamentos son compatibles coa mantenza do gando en liberdade ou semiliberdade -como ocorre, por exemplo, no Forgoselo ou na Capelada-, de maneira que os animais, ademais de rentar por si, tamén axudan a previr incendios.

Medio Rural organiza con esta visión un curso que abordará todas as posibilidades da xestión integral dos piñeirais, concibidos como escenario para a produción de madeira de calidade nun contexto en que as coníferas están subindo de prezo debido ao progresivo crecemento da súa demanda como material construtivo. E, canda el, os outros rendementos asociados: a resina, os cogomelos e o gando.

A actividade diríxexe preferentemente a persoas propietarias forestais, agricultores/as en activo de alta no sistema de venda directa, persoal empregado ou con expectativas de contrato de empresas de traballo agrario ou relacionado coa industria agroalimentaria/forestal, persoal con solicitude de incorporación, etc .

O curso desenvolverase no Centro Sociocultural Francisco Piñeiro, en Abade, ao longo de 9 xornadas e cunha duración total de 40 horas, 10 de teoría e 30 de práctica. As datas son o 8, 9, 10, 11, 12 ,16 e 17 de novembro de 15:00 a 19:00 horas, mentres que o 15 e 18 de novembro o horario será 14:00 a 20:00h.

Trátase dunha actividade gratuíta que require inscrición previa -o prazo remata o 7 de novembro- cubrindo un formulario dispoñible no apartado “Plan de Formación 2021” da web da Consellaría do Medio Rural (mediorural.xunta.gal). A ligazón está dispoñible tamén na web moeche.gal. Unha vez cuberta, a folla haberá que enviala a algún do seguintes enderezos electrónicos: correo@moeche.gal, alejandro.martinez.verez@xunta.gal ou informacion@foresin.es. Proporcionan máis información nos teléfonos 981 33 70 44 ou no 680 20 83 20